Empezou a súa formación musical no Conservatorio de Carballo con Miguel Suárez e continuou no Conservatorio Superior da Coruña, onde obtivo o Título Superior en Guitarra Clásica con Matrícula de Honra (guitarra e recital) e Mención de Honra Paideia-Xunta de Galicia, baixo a tutela de Eulogio Albalat. Simultaneamente estudou trombón con Arturo Centelles e Marcial Figueroa e, tras unha bolsa da Deputación da Coruña, completou un máster en interpretación de guitarra na Universidade de Extremadura con Ricardo Gallén. Posteriormente cursou un posgrao na Universidade Mozarteum de Salzburgo con Eliot Fisk, bolseiro pola Fundación Segundo Gil Dávila, e obtivo o doutorado en “Música na España Contemporánea” na Universidade de Santiago de Compostela.
Asistiu a numerosos cursos e clases maxistrais (José Luis Rodrigo, David Russell, Sergio Assad, Roland Dyens, etc.), e recibiu premios como o da Fundación Victoria y Joaquín Rodrigo. Gravou os discos Impresiones, Isaac Albéniz: Recuerdos de España e Soños da Floresta, e actuou en importantes auditorios e ciclos (Teatro Rosalía de Castro, Fundación Juan March, Ealing Guitar Society…), tanto en recitais como con orquestra e diversas formacións de cámara. O compositor Francisco Merino dedicoulle a obra Espejo. É funcionario de carreira e impartiu clases nos conservatorios de Utrera, Sevilla, A Coruña e, actualmente, no “Xoán Montes” de Lugo.
Conoce más sobre este artista
Otros Artistas