A Quenlla créase no ano de 1984 por dous membros fundadores e escindidos do grupo Fuxan Os Ventos que deixaran no ano 82. Ao longo da súa traxectoria de concertos e gravacións, con distintas formacións evolutivas, contan con traballos e proxectos levados a cabo para a dinamización da cultura tradicional e de autor dentro dos vieiros da nosa música. Ao longo dos anos foron moitos os concertos, charlas didácticas e encontros levados adiante por un grupo de mulleres e homes que tiñan a teima da concienciación social na honra e orgullos do Noso.
Co paso do tempo gravamos máis dunha vintena de discos e monografías de autores ou de carácter educativo sobre o Nadal, sobre os prexuízos da droga, sobre a Música na Escola, sobre Os Irmandiños, sobre o Nacionalismo Galego partindo do seu Manifesto de Lugo e cos vídeos correspondentes e libros conmemorativos, sobre a Memoria Histórica, sobre a Poesía de Posguerra, dos Silenciados/as, dos Fuxidos e Escapados, dos Señores/as da Palabra, e Memoria de autores (Manuel María, Díaz Castro), un Chill Out Celta, sobre distintos autores e autoras galegas de fidelidade, rigor e de limpa traxectoria. Nalgúns casos apoiados por vídeos e imaxes do contexto. Autores como Rosalía de Castro, Cunqueiro, Xosé Mª Díaz Castro, Manuel María, Marica Campo, Fiz Vergara, Neira Vilas, Darío Xohán Cabana, Luz Pozo, … e aínda así seguimos envoltos en varios proxectos que nos parecen moi ilusionantes.
Despois dunha escisión no ano 2016 e ao redor de dous membros do mesmo, Valery e Mero, reorganízanse nun grupo menos numeroso coa incorporación de Tania Capón -no violín e voz, de Yaiza Seijas -no chelo e voz, de Paloma Suanzes -coa guitarra e voz, de Manolo Dopico -co baixo, percusión e voces e de Álvaro Cardalda con acordeón, teclados e voz. Así constituídos comezan unha nova andaina e parten da musicalización e gravación dos 10 temas de Martín de Padrozelos, quizais un dos primeiros trobadores da nosa lírica medieval. Un trobador no Camiño que nos sorprendeu con 9 cantigas de amigo e 1 de amor. Feita a gravación, estamos a espallar esa obra e a realizar concertos de variada temática e con temas antigos e de nova incorporación, tamén con novos autores.
Conoce más sobre este artista
Otros músicos