Nelson Quinteiro

MUSICAS DE DOMINGO – Nelson Quinteiro e Brais González  
 
Presentación e posta en escena do disco “Músicas de Domingo” (Inquedanzas Sonoras, 2019), que será presentado peza a peza, nun combo formado por Brais González ao piano, Nelson Quinteiro á voz, percusión, pedais e ukelele e a colaboración especial do acordeonista Álvaro Cardalda e co valor engadido de instalarmos un piano de cola Yamaha C3 en directo.
 


O disco “Músicas de Domingo”, composto por 11 temas de música tradicional e popular leva a música de raíz galega a unha coordenada se cabe cinematográfica, creando con cada peza unha atmósfera particulare e creando un directo composto de “estampas” que falan da traxectoria musical destes artistas. Descrito por Emilio Españadero (Lume na Palleira, Radio Galega) como unha “marabilla musical” ou por Fernando Íñiguez (Radio3 RNE) como “un disco muy bonito, un universo sonoro evocador y hermoso”, foi definido por Vituco Neira (Faro de Vigo, Radio Galega Música) do seguinte xeito: “Músicas de Domingo sabe a terra e rega xenerosamente nesas nosas raíces, nun exercicio de perfecta evocación da man dun Quinteiro que deixa claro de onde é e de onde vén, sempre deixando a xanela aberta a ventos doutras latitudes que enchen de osíxeno e fan perder o norte da escoita con certa facilidade poñéndote nunha viaxe especialmente singular”.

 
Músicas de raíz e xogo de latitudes.
Vibrante, evocador, tradicional e moderno.
Pezas de grande sensibilidade galega e universal.
No concerto, a piano e voz, non faltarán notas de cor, como a proxección do videoclip “O Paxaro” realizado por Dani López (Mandeo Records) con música orixinal do master e voz en directo, temas de piano e voz nas mans do virtuoso Brais González (Caspervek Trío) ou a colaboración puntual e especial do acordeonista de Vilaxoán Álvaro Cardalda, que porá o seu talento a temas tan especiais como o “Pomba Branca” de Maxiniano Sousa ou que cerra o concerto con novos temas que en tándem con González e Quinteiro dan conta de novos proxectos.
Un concerto que ademais, percorre temas da discografía de Quinteiro, como “Marola”, “Baldaio” ou “As Mans Perdidas” do anterior disco “Orquesta Gharbo!”, levados a este novo concepto ou incluso momentos a pandeireta e voz, re-interpretando, en clave tradicional, diferentes temas que levan acompañando ao cantareiro ao longo destes últimos anos”.
 
Máis info:
Follow by Email
Facebook