2NAFRONTEIRA

2020 CENTENARIO NÓS

 

Concerto-Exposición
“Arredor de Nós”
2naFronteira
Carmen Penim-Maurizio Polsinelli

Contextualización:

O 30 de outubro do 2015 2naFronteira estreaba no Liceo de Ourense, coa presencia do alcalde da cidade, D. Jesús Vázquez, Sons de Nós, un disco que quería ser unha homenaxe á gran revista Nós e ás Irmandades da Fala. Moitas foron as entrevistas, reportaxes en prensa e moitos os concertos de 2naFronteira ó longo do 2016, en compañía da violinista Carmen Gallego e o percusionista Miguel Paz.

Foi un disco que naceu co apoio da Xunta de Galicia (Cultura e Política Lingüística), quen tamén colaborou no concerto de presentación na Coruña no teatro Colón. Foron ademais interpretados temas deste disco en ocasións tan importantes como a entrega do premio Otero Pedrayo a Xosé Neira Vilas na Deputación de Pontevedra. Falouse pois, moito deste disco e, o que é máis importante, falouse da revista Nós e dos autores que nela escribían.

Agora responden ó compromiso adquirido daquela co centenario do 2020 e abordan unha importante renovación do repertorio sobre a revista Nós que complementan cunha atractiva e orixinal exposición divulgativa sobre a mesma con breve guía didáctica.

 

 

O concerto-exposición “Arredor de Nós” e a lingua:

Pensamos que o noso traballo, tanto no concerto como na exposición que o acompaña, incide na autoimaxe que a xente en xeral, e en particular a xente nova, pode ter da propia lingua e da propia cultura; do seu valor intrínseco e íntimo para os galegos, pero tamén do lugar que debe ocupar entre as linguas do mundo.
Daquela, grazas á revista Nós, Europa coñeceu o fervedeiro intelectual que existía en Galicia en galego e interesouse polo noso, máis alá dun Camiño de Santiago. Os e as intelectuais da revista, comenzando cunha visión europeísta e orientalizante, foron decantándose cara actitudes máis atlantistas, celtistas e populares; atopando na lingua galega e na nosa cultura máis enxebre, a principal fonte de inspiración para as súas creacións e un forte sentido identitario. Sentido que esperamos contaxiar ó noso público, a través dunha reflexión conxunta a propósito da lingua, os seus usos actuais e o seu futuro.
Intentaremos promover o orgullos pola propia lingua mergullándonos nun monumento da nosa cultura: a revista Nós. E neste achegamento, por suposto, atenderemos tamén ás voces femininas que, se ben na revista son só tres, na exposición que acompaña o concerto “Arredor de Nós” serán ben máis, pois investigamos os nomes das mulleres vinculadas á cultura daquela (Seminario de Estudos Galegos) e mesmo á ciencia ou á música ou ó deporte.

Follow by Email
Facebook