Musicreques

Musicreques está formado por dúas profesoras superiores de piano, Alma e Loreto, que no ano 2012 formaron o grupo Musicreques, un dúo de piano a catro mans e teatro de monicreques, co fin de achegar a música clásica aos rapaces dun xeito ameno e divertido. Realizan contos musicais para público infantil e familiar nos que a música de piano, interpretada en directo, mestúrase cos contos e o teatro de monicreques para divertir aos nenos e engaiolalos coa beleza das artes escénicas.

Os seus contos musicais pódense atopar en dous formatos diferentes. Os contos con teatro de monicreques son especialmente recomendados para espazos de interior, de tamaño mediano e salas con escuridade, mentras que os contancontos, pola súa banda, recoméndanse  para espazos pequenos e con luz natural.

Musicreques ten actualmente en cartel tres espectáculos de teatro de monicreques: As aventuras de Quebranoces e Iván e o lobo gris (recomendados para rapaces e rapazas de 3 a 10 anos) e O Quebranoces para bebés (para crianzas de 0 a 3 anos). Nestos espectáculos as distintas escenas dos contos (con guión propio), interpretadas tanto no teatrillo de títeres como sobre mesa, intercálanse con música ao piano dos grandes compositores como Tchaikovsky, Dvorak, etc.

Os contacontos en cartel son: Contacontos Musicais e Contos e música do ceo, da terra e do mar, nos que a narración oral xunto coa música en directo ao piano acompáñanse de rimas, cantos e monicreques, para que os nenos participen activamente da maxia das historias. Os contos son orixinas, escritos por Loreto Pérez e  ilustrados por Alma Cendán.

Os espectáculos de Musicreques levan dende o 2012 representándose por toda Galicia, visitando numerosos concellos e participando en diversos ciclos e festivais como: DO-RE-BIP Concertos didácticos no MAC (A Coruña), Festival Castelo Folk (A Coruña), Música e teatro en familia (Cee), San Froilán Miúdo 2018 (Lugo), Sea Sons Festival (A Coruña), Semana Cultural (Boimorto), VIII Teatro no Outono (Arzúa), XI Ti-tiritando de emoción (Coriscanco), etc. Así mesmo, os contacontos e os espectáculos de monicreques da compañía Musicreques poden atoparse nos catálogos da Rede Cultural de A Coruña, en Ler conta moito, Cultura no Camiño, Agadic, etc

Última modificación: 10/04/2020

Comentarios

Comenta o responde a los comentarios

Tu dirección de correo no será publicada.